martes, 16 de maio de 2017

Represión franquista contra as mulleres

Aquí deixamos unhas fotos da palestra do pasado sábado, 13 de maio, na Casa de Cultura de Valga sobre a represión franquista contra as mulleres.

Grazas a a Susana Sánchez, a Montse Fajardo, a Juan Barreiro e a Andrés Domínguez pola súa exposición e a súa colaboración, necesaria para poder levar a cabo este acto.

Moitas grazas por asistir e agardámosvos na vindeira.





 

mércores, 10 de maio de 2017

Memoria Histórica

MEMORIA HISTÓRICA DE VALGA ORGANIZA UNHA PALESTRA SOBRE A REPRESIÓN ÁS MULLERES DURANTE A GUERRA CIVIL E A DICTADURA FRANQUISTA

Este sábado 13 de maio, a partir das 18:00 h. na Casa de Cultura de Valga, terá lugar unha  mesa redonda sobre a represión franquista contra as mulleres.

Intervirán Montse Fajardo, autora do libro Un cesto de mazás, que recolle “ relatos sobre persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, agochadas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas”; Susana Sánchez Aríns, autora de Seique, que plasma “a historia dun fascista tan sen importancia que nin aparece nos arquivos, mais que si existiu, deixando, marcas que as súa vítimas non esqueceron”; e Andrés Domínguez Almansa, investigador e colaborador do proxecto Voces de Nomes e autor de varias obras sobre a Galiza e a España da Guerra Civil e posterior ditadura fascista.

Contaremos, ademais, coa participación de Juan Barreiro Viñas, veciño de Valga e descendente de represaliadas e represaliados, que nos falará do acontecido a persoas da súa familia nos anos posteriores ao levantamento militar.


martes, 2 de maio de 2017

Museo da Historia de Valga



"O Arquivo Histórico-Social de Valga comeza a súa andadura no ano 1996, ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Don Xesús Ferro Couselo, coa exposición fotográfica da súa historia de vida."

 Así reza o apartado dedicado ao museo na páxina oficial do noso Concello; pasaron vinte anos dende aquel propósito encomiable e no camiño deberon ir quedando as boas intencións porque, agora, se tes a sorte de atopar abertas as portas do edificio gardián da nosa historia, podes moi facilmente marchar sen saber do insigne investigador; a non ser que tropeces, casualmente, cunha ridícula vitrina que enclaustra uns poucos libros, colocada sen moito xeito, no rechán entre escaleira e escaleira. 

O inspirador de tan ambicioso proxecto quedou, unha vez máis, afogado polo desleixo e o desinterese, por non dicir ignorancia, institucional. Ou, se cadra, a nosa mente mal pensada non cae na conta de que os atentos gobernantes só están tendo en conta o coñecido carácter humilde e recatado de Don Xesús, relegándoo a un recuncho protexido de miradas e comentarios.

Vinte anos ben dan para saber ou aprender o que é relevante; para indagar e destacar aquilo que, a todas luces, debe ser destacable; para distinguir aquelas persoas e feitos que nos foron construíndo como sociedade diferenciada, a través da historia dos devanceiros; para apreciar o noso a través das pegadas boas e xenerosas como as de Don Xesús Ignacio Ferro Couselo, veciño de Cordeiro.

Firmante da petición para a instauración do 17 de maio como Día das Letras Galegas, compoñente do Seminario de Estudos Galegos, partícipe na fundación do Partido Galegista, creador de revistas varias, membro numerario da Real Academia Galega, unha extensa bibliografía en galego, portugués e castelán… non serán méritos suficientes para un lugar notorio???

Intentemos pois, dende este humilde escaparate, comezar a resarcir do agravio cometido, con esta primeira aportación gráfica.