venres, 21 de abril de 2017

Aniversario da II República

O pasado sábado a Memoria Histórica de Valga participou no acto organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín. A compañeira Raquel González Caamaño interveu en representación das persoas que, dende hai case un ano, emprenderon o camiño da restitución da memoria secuestrada no noso concello.


" Primeiro de todo, o movemento Memoria Histórica de Valga agradécelle á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín este convite de irmandamento.

Reúnenos aquí hoxe, ao pé desta Pedra da Liberdade, unha axenda da reivindicación e uns propósitos que nos son comúns, como tamén o é a memoria do noso veciño, o represaliado Ramón Magariños Duro, xastre e directivo da agrupación socialista de Marín durante a II República.

Desde Valga, estamos aínda escribindo a cartografía da inxuria contra a nosa xente, que son as vítimas directas e indirectas daquel infame levantamento fascista de xullo do 1936 e da política de ‘terra queimada’ que exerceu a ditadura de Franco; mais somos tamén vítimas, doutro xeito, as xeracións que as sucedemos, por sermos obxecto dunha desmemoria programada, outra afronta máis que debemos combater, e combatemos, sen desmaio.

Traballamos, nestes primeiros pasos da nosa andadura, en nomear e pagarlles coa verdade ás persoas ás que se lles arrebatou a liberdade: 45 valgueses e valguesas, que poidamos testemuñar, denunciadas pola súa militancia ou simpatía política, executadas pola súa xusta rebeldía, vexadas, mutiladas e marcadas para a vergoña…, pero para a dos asasinos. Pelexamos tamén por que se retire dos espazos públicos a simboloxía fascista, de calquera época, como o son os retratos dos que foron alcaldes e alcaldesa durante o franquismo, polo seu carácter amoral e ilegal.

Mentres non se repare a ofensa contra cada unha das vítimas non poderá existir a reconciliación cidadá. Defendía este sentir o historiador Raúl Soutelo na súa análise sociolóxica da Valga gobernada polo terror e a ‘fame neghra’. Dicía tamén neste seu tratado que “Debemos recuperar as características dese proceso represivo e, sobre todo, as voces das persoas que o padeceron nas súas diversas modalidades, porque é un compromiso cívico co exercicio de  memoria colectiva e de hixiene democrática que aínda está por facer no estado español” .

Grazas."




luns, 3 de abril de 2017

Encontro cultural

Foi todo un pracer volver toparnos o pasado sábado; e baixo a ollada inspiradora de Maruja Mallo retomar un camiño creador e valeiro de directrices e prexuizos.
Grazas!! Foi unha velada gustosa e acolledora.


Insertar en Blog - collage

Aquí deixamos as colaboracións de voces que non puideron estar fisicamente esa noite.


Cidade de luces e nocturna
Aural
Corría con ansias descoñecidas, recorría o parque, algúns semáforos, paralizaba coches e algún taxi. Levaba pantalóns de pana con campana, americana de cor gris, adornada co xersei verde azul que ilustraba cunha camisa desabrochada e os zapatos… espléndidos zapatos cor castaña que aumentaban o verdadeiro talle dos seus pés. Corría e chegou case sen alento, observando pola porta de cristal a unha rapaza que se peinaba mentras un acompañate retiraba as súas maletas. Estaba preciosa, tan preciosa. Miráronse e sen apresurarse el achegouse xunto a ela. Era nova e decidira estudar nunha prestixiosa universidade, durante seis meses, lonxe daquela cidade.
Despois regresaría.
El sorriu con desgana, tras unha breve súplica de desexo corrompido pregándolle que quedase con el e formalizasen a relación antes mal consumada. Ela consolouno, prometéndolle que non mudaría de aspecto, nin de carácter, nin de ollada prematura.
Era unha suave brisa dentro dun mar bravío coroado por ondas xigantes. Así brillaba Manhattan, cidade de luces e nocturna, que profería os máis gratos recordos e que arrebataba os mellores amores.





Fiasco
Aural
------
Debería reter na memoria,
unha lista,
como quen garda na retina,
para o resto da vida
os nomes
que precederon
e fixeron historia
sen contala.
Tamén os presentes
que baixo outras impertinencias
sen saber que han ser
serán
espellos retrovisores
noutrora,
cando deveñan novos
-irrecoñecibles-
fracasos da humanidade.






Ubicua Época
Aural
---
Soñan as árbores co respecto
E buscan nas antípodas
a recompensa
Soñan os vellos coa memoria
Na intriga da obsolescencia programada
Soña o mar con facerse de ouro
e que o verán o compadeza
Soñan os bicos coa sal
e os corpos espidos
coa auga
Soña o vento con ser de ferro
E soña o ferro con non ser metal
Soña o nobre sen escravo
e soña o escravo sen nobreza
Soñan os xílgaros co cambio de estilo
E soñan os gatos con saber cociñar
Soñan os heroes coa humanización da guerra
E soña a guerra con estancarse na historia
Soña a historia con reinventarse
Soña o rancio con ser novo, outra vez
Soña a fecundidade con estipar ao estéril
E soña a esterilidade con facerse de prata
Soña a prata con facerse de ouro
e soña o ouro con ser unha pedra máis
Soña a transición con establecerse
E soña o sino con deixar de correr
Algún día
Nunha nova e ubicua época
Na que todos
Deixan de soñar.




VOU DANZAR ATE QUE CHOVA
(e cando chova, tamén)

Vou danzar nos caminhos de terra,
no lombo do ser amado,
na absoluta felicidade do beijo.

Vou danzar porque me da a gana,
porque mo pide o corpo,
porque quero.

Vou satisfacer as minhas ansias de loucura
danzando
de mans dadas
coa tenrura.

Ate danzarei coas lúas
do meu sol infinito.

Danzarei núa.    
    
                               D.Lobato




FECHANDO CÍRCULOS

Boqueando malamente saín
de entre as ondas.

O sol queimábame.
Agora
doura
esta antiga pel transparente.

As chuvadas humedecían
o meu longo cabelo pardo,
e eu,
tímida adolescente,
adoecía
no fondo de poemas de amor
cheos de utopías.

Cortei o cabelo,
e fiquei
dourada e liberada.

Asúmome e acéptome.
Non lamento nada.

Tenho novos olhos de auga.

                                          D.Lobato



Son un toxo, sempre o fun,
bicho ruín que non peligra.
Tenho a raiz dura e forte,
claridade e teimosía.

Quen nace no monte
é quen
de vivir coas súas espinhas.

                                         D.Lobato



Só tenho dores no nome 
e non gosto de queixarme,
non quero que me confundan
con algún queixoso home.

Melhor é falar con feitos
que o fume lévao o vento.
Son MULHER dende que acordo,
son MULHER o ano enteiro.

❤                                   D.Lobato