domingo, 15 de abril de 2018

CAROLINA OTERO

Carolina Otero naceu en Valga un 4 de novembro do 1968, foi unha das figuras máis representativas da Belle Époque francesa e faleceu en abril de 1965.

No libro parroquial está inscrito o seu bautismo o 20 de decembro como filla de pai descoñecido e de Camen Otero Iglesias "A Piñeira". Naceu, pois, esta galega universal no mesmo ano en que a revolución chamada "A Gloriosa" estableceu no marco do estado español a democracia, o sufraxio universal e os dereitos do pobo obreiro e deu nacemento tamén á Primeira República e ao federalismo.

A súa nai tiña como oficio o de piñeira; recollía piñas nos numerosos montes que rodeaban a vila para vendelas logo nos lugares das proximidades como combustible para dar lume e calor. Se Carolina non marchara de Galiza, seguramente a súa sorte e a súa vida pouco diferentes serían das da súa nai; mais a Bella Otero, ademais de fermosa, era unha muller intelixente e isto permitiulle acadar fama, espertar paixóns, acumular riqueza, aprender cultura e idiomas, cantar, bailar, participar en tertulias literarias, dilapidar amores e paixóns masculinas, pagando o prezo, iso si, de morrer soa na Niza que ela tanto amara nos días de gloria.


Pouco se sabe da súa traxectoria e andaina desde que sae do hospital, logo da cruel e salvaxe violación sufrida no monte Terroeira cando aínda non pasara case da nenez, ate a súa aparición en Cataluña e logo xa como artista en París. As noticias e os feitos desta etapa forman parte da lenda, do misterio, da verdade e da fantasía que sempre acompañaron a vida da Bella Otero. Seguramente, precisou dunha aprendizaxe dura e difícil, dun traballo para poder triunfar no mundo artístico.
O baile, o movemento do seu corpo, a súa sedución nos escenarios non foron só produto da súa beleza senón tamén da súa intelixencia, do seu tesón e do seu bo facer. A súa vestimenta, as súas xoias, a súa vida, as súas conquistas masculinas serviron de base a novelas, crónicas xornalísticas, series de postais e mesmo películas.



Xunto a María Félix, actriz que a encarnou na película La Bella Otero (1954)


Se cadra, é memos coñecida a súa faceta de muller que soubo relacionarse coa cultura da época, pero Carolina tivo contactos coas mulleres sabias que se reunían en París no Círculo Sáfico. Michel del Castillo fala, na súa obra Colette une certaine France (1999), sobre Colette e a súa época, deste mundo de cultura e de lesbianismo no que tanto a escritora como a propia Carolina se atoparon e se relacionaron. Este círculo de sabias parisienses estaba constituído por mulleres de enormes fortunas que cultivaban a poesía, o canto e facían "cadros vivos", representacións pictóricas, moitas veces espidas, que provocaron un enorme escándalo naquela sociedade, é dicir, nos chamados "tolos anos vinte" e nos que sobresaíron os nomes de Lucie Delarue, Romaine Brooks, Natalie Clifford-Barney ou Liane de Pougy, a eterna rival de Carolina como artista. É posible que incluso Colette recibira clases de baile da Bella Otero.

Carolina quixo deixar as súas riquezas, que xa non tiña, ás xentes máis pobles da súa Valga natal para que, quizais, non tivesen que emigar como tivera que facer ela; e foi así como esta muller artista, filla de nai solteira que fixo da súa vida e da súa existencia aventura e lenda, nos últimos anos da súa vida deixou unha carta escrita oficialmente, a través do embaixador, ao alcalde da súa vila para notificarlle que os beneficiarios do seu testamento serían as xentes máis pobres de Ponte Valga de Galicia, provincia de Pontevedra. A súa partida de defunción ten data do 10 de abril de 1965 en Niza. Unha das galegas máis universais tiña, pois, 97 anos cando morreu.


(Texto extracto da biografía feita por Encarna Otero Cepeda, para Álbum de mulleres)


foto publicada na revista París Mach

 

luns, 11 de decembro de 2017

III XORNADAS FEMINISTAS

As xornadas feministas que as Xuventudes Socialistas de Valga organizan cada ano arredor do 25 de novembro, centráronse nesta terceira edición en “Muller e memoria”. A historiadora Concepción Burgo e o historiador Juan A. González, insistiron na necesidade de seguir investigando no acontecido a tantas e tantas mulleres represaliadas coa chegada do franquismo e durante a ditadura; poñendo de manifesto a grande dificultade desta tarefa pola ausencia de rexistros, tanto nos cárceres como das accións levadas a cabo contra delas, xa que na súa maioría se facían de xeito “extraoficial” e “extrainstitucional”.


Antes da mesa redonda que tivo lugar o pasado sábado, 2 de decembro, a organización fixo un recoñecemento especial ao traballo da escritora Montse Fajardo, presente nas xornadas, e autora, entre outros, do libro Un cesto de mazás, memoria do 36 e do tempo que veu, do recentemente publicado Invisibles. Relatos do maltrato, e comisaria da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, organizada pola Deputación de Pontevedra e que recolle unha antoloxía das historias de 127 pontevedresas perseguidas, asasinadas e encarceradas.


As xornadas pecháronse a carón da estatura de Carolina Otero, como anticipo dos actos e actividades que durante o vindeiro ano se organizarán, conmemorando o 150 aniversario do seu nacemento.



martes, 7 de novembro de 2017

Revista Morgana

 Filotabernas con Morgana e con Manoel Bonabal

Citas inesquecibles na Casa Chaves (Pontecesures) con Morgana e as súas teimosías de fada irreverente. Estes son algúns deses momentos máxicos, retratados pola man atenta e virtuosa do compostelán Manoel Bonabal (manoelbonabal.blogspot.com.es).











metaMORGANA: unha idea de revista ensamblada


O número 1 da revista Morgana deuse a coñecer en outubro de 2017


Pasaron xa algúns meses desde que esta pequena familia que compartimos o pan e o viño na Casa Chaves lle demos forma á idea colectiva de agasallar o mundo cunha nova edición de Morgana, revista que desta volta decidimos tería un formato distinto, cooperativo, moi artesanal e breve, de substancia transformadora.



E mans á obra. Levounos máis de dous 'filocafés' -aos que, dito sexa de paso, estades convidadas e convidados- perfilar os contidos, confeccionalos e expoñelos para o deleite do grupo.

13 ideas de 13 mentes creadoras que se multiplican para completar 30 exemplares enlatados de Morgana, tan creativa coma sempre, que neste número monográfico reflexiona sobre si mesma, sobre as cousas que paga a pena conservar no tempo e a maneira en que as conservamos.

Esta Morgana metamorfoseada non perde o espírito que lle imprimira o seu creador, Xosé Lois Miguéns. Aquí viven aínda os ideais, a vontade estética das horas de lecer, a actitude tabernaria de confraternizar arredor dunha taza de viño, o desexo de descubrir e aprender... e, por que non dicilo, a espontaneidade e a loucura da e do poeta.

Eiquí vos deixamos algunhas fotografías da ensamblaxe da revista.







luns, 31 de xullo de 2017

"Non se pode pasar páxina, sen antes tela lido" (Marcos Ana)





Grazas. Moitas grazas ás e ós familiares de Celestino Carbia Campaña e de Leoncio Viñas Menéndez, alcalde e concelleiro da corporación municipal democrática usurpada ó pobo de Valga naquel fatídico xullo de 1936, por acompañarnos na xusta e sentida homenaxe celebrada onte, domingo 30 de xullo, ás portas do Concello.









Foi difícil viver,
deixar en herdo aos fillos o silencio,
teimar na desmemoria
cando un remol escuro ouvea no corazón
e reclama caivancas para poder arder.

O pasado é unha fraga onde ecoan os disparos,
un faiado tripado polas ratas,
o aceno lamacento da traizón
nos ollos dun irmán
co que andabas aos xílgaros de neno
nas fragas onde ecoan os brados do silencio,
os marmurios do medo,
a voz dos que apodrecen cada mencer ao sol.

Foi difícil calar, avellentar                               
como unha muller máis, un home do común  
que ve medrar os netos,
ser dos que non morreron:
un carballo tronzado polo raio,
seiva que xa enxoitou.
Alguén virá que salve os vosos nomes?
                              
                                    (Pilar Pallarés)

venres, 28 de xullo de 2017

HOMENAXE Á CORPORACIÓN DO 36 EN VALGA






A Asociación Cultural de Cordeiro, a Asociación cultural Os Penoucos, as Xuventudes Socialistas de Valga, o Partido Socialista de Valga e a Galería de Estudos do Baixo Ulla convida a participar a toda a cidadanía nun encontro para a reparación simbólica da memoria das persoas que, exercendo o seu labor como representantes do pobo por elección democrática, logo do golpe de estado do 18 xullo de 1936 sufriron o conseguinte cesamento e dura represión a mans do aparato fascista e usurpador franquista. 


O acto celebrarase no salón de plenos do dito concello ás 12 do mediodía do vindeiro 30 de xullo, e terá carácter reivindicativo da xustiza á memoria destes veciños e ás súas familias, da reparación dos agravios cometidos contra a dignidade individual e colectiva e da verdade, para que remate o cínico ocultamento dos feitos ás xeracións posteriores.

HOMENAXE NACIONAL EN SAN SIMÓN ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

O acto do pasado 16 de xullo, estivo dedicado a lembrar os campos de concentración que o franquismo habilitou na Galiza, empezando pola propia illa de San Simón, na que estiveron retidas máis de seis mil persoas entre os anos 1939 e 1943.